Friday 20 de September de 2024

Sesenta veciños e veciñas de Frades encheron o multiúsos para participar no espectáculo “Brinca vai de aquí a acolá” e nunha chocolatada


Un total de sesenta veciños e veciñas de Frades, trinta deles nenos e nenas, participaron esta fin de semana no espectáculo “Brinca vai, de aquí a acolá”, un concerto-obradoiro organizado polo Concello de Frades e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, dentro do programa FalaRedes. O acto estivo presidido polo alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez.

Os pequenos de Frades disfrutaron cantando, bailando e brincando da man do actor e músico Paco Nogueiras no que foi unha auténtica festa da nosa lingua. Previamente á actuación, o Concello de Frades e a ANPA do CPI de Ponte Carreira organizaron unha chocolatada no multiúsos na que todos os asistentes puideron degustar un chocolate con churros totalmente de balde.